XOÁN ABELEIRA Na Instrución Reservada nº 1 dos meses de abril e maio do 1936, o Xeneral Mola bruou: “Producido el movimiento y declarado el Estado de Guerra (…) se tendrá en cuenta que la acción ha de ser en extremo violenta para reducir lo antes posible al enemigo (…) Serán encarcelados todos los directivos de los Partidos Políticos, Sociedades o Sindicatos no afectos al Movimiento, aplicándose castigos ejemplares a dichos individuos para estrangular los movimientos de rebeldía o huelgas”. Ó día seguinte de principiar o golpe militar fascista, o 19 de xullo de 1936, Mola afirmou no mesmo ton brutal: “Es necesario propagar una imagen de terror (…) Cualquiera que sea, abierta o secretamente, defensor del Frente Popular, debe ser fusilado”.
Dise xeito foron encarceradas, torturadas, apadumadas, asasinadas máis de seiscentas persoas tan só na comarca da Coruña. No só “dirixentes, políticos, sindicais e sociais, ou as principais autoridades da cidade, coma o gobernador civil, Francisco Pérez Carballo, e maila súa esposa, Juana Capdevielle; o gobernador militar, Rogelio Caridad Pita; o xeneral xefe da VIII División Orgánica, Enrique Salcedo Molinuevo; o alcalde da Coruña, Alfredo Suárez Ferrín, e mailo secretario do Concello, Joaquín Martín Martínez; o xefe da Intervención Municipal, Manuel Prado Allegue, e mailo xefe de Negociado do Concello, Francisco Prego Campos; o vicepresidente da Deputación, Ánxel Casal, ou o comandante das Forzas de Asalto, Manuel Quesada del Pino”, senón tamén outros moitos activistas de todas as forzas renovadoras da nosa vila, coma Xosé Torres Regueiro, José Villaverde Velo, Joaquín Taboada Díaz, Antonio Varela Sanjurjo, Cipriano Amor Sánchez, José Luis González Ledo e tantísimos outros homes, tantísimas outras mulleres de cuxos martirios sabemos agora grazas ó proxecto Voces e Nomes, no que colaboran as tres universidades galegas.
Consonte a información que tan xentilmente me fixo chegar istes días Manuel Monge, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, “a CRMH, recollendo a petición de numerosos familiares de vítimas do franquismo, solicitou ó Ministerio da Presidencia do Goberno Español unha subvención para realizar un Memorial —que lle foi concedida en xaneiro do 2010— e erixir o mesmo denantes de que remate o ano. Este foi o proceso seguido en numerosas cidades do Estado, coma Salamanca ou León, onde, á marxe das diferenzas políticas, foron aprobados memoriais semellantes por unanimidade”. Con tal motivo, a CRMH enviou varias cartas ó alcalde da nosa vila, Javier Losada; os familiares dalgunhas desas vítimas, aínda non recoñecidas nin dignificadas coma tales, “foron recibidos por Isaac Díaz Pardo, quen lles trasladou o seu apoio e a súa colaboración para a realización deste Memorial” e incluso se dirixiu persoalmente ó señor Losada escribíndolle, entre outras cousas: “Comparto totalmente o fin deste proxecto, e manifestei ós familiares a miña disposición a colaborar con eles e coa CRMH para que este memorial poida ser instalado no entorno do monumento ós fusilados, que eu proxectei, no Campo da Rata. Creo que atender a petición destas familias é unha cuestión de xustiza e unha débeda que temos con todas as vítimas do franquismo, que o único que fixeron foi defender a democracia e a liberdade. Espero que o Concello da Coruña colabore na execución deste proxecto e facilite os medios necesarios, tal e como solicita a CRMH”.
Mais o certo é que, segundo lle manifestaron, tamén por carta, os familiares das vítimas ó alcalde, “despois de cinco meses, aínda non escoitamos un pronunciamento por parte do Concello da Coruña a prol da creación do citado Memorial, nin a súa disposición a facilitar a súa ubicación na nosa cidade”.
O Pleno da Corporación Municipal segue, xaora, sen se manifestar, cando apenas quedan tres meses para que remate o ano e, xa que logo, a oportunidade de aproveitar a axuda que o Ministerio da Presidencia do Goberno Español concedeu para este propósito. Confiemos en que os dous partidos que están a repartirse o poder no Concello da nosa vila se poñan de acordo para un fin no que, ó meu xuízo, non cabe discusión ningunha. Pois de non facelo estarían a cometer —en palabras dos devanditos familiares— “unha auténtica inxustiza”, desprezando aquiles homes e aquelas mulleres que loitaron e deron a vida por todos e todas nós: os froitos das súas sementes.
P.S. A piques de enviar esta columna, entérome de que o Concello, por boca de Carmen Marón, tenente alcalde e portavoz do grupo municipal do PSOE, se comprometeu verbalmente a levar a cabo o devandito Memorial. Parabéns, xa que logo, a todas e todos os impulsores diste monumento xusto e necesario. Agora só falta que o Concello cumpra de facto a palabra dada e aprobe a moción no seu Pleno. A ver se é certo.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada